jueves, 16 de junio de 2016

La Constitucion 1931

Os principios políticos da democracia española
España é un Estado democrático. Esta afirmación aparece no artigo 1º da Constitución aprobada polos españois o día 6 de decembro de 1978. Nesta actividade imos falar dos principios políticos e do funcionamento das institucións que permiten certificar a certeza desa afirmación, principios e institucións que están recollidos no texto constitucional.

Despois da morte do xeneral Franco en novembro de 1975 comezou unha etapa que tiña como obxectivo fundamental o de rematar con corenta anos de ditadura, pondo a base dun novo sistema político de carácter democrático. En 1977 celebráronse eleccións que permitiron aos cidadáns españois elixiren os seus representantes nas Cortes Xerais ou Parlamento. A misión principal destas Cortes foi a de elaborar unha constitución, lei suprema pola que se rexerían todos os españois. O acordo dos partidos políticos da época permitiu a aprobación do texto constitucional nas Cortes Xerais reunidas o 31 de outubro de 1978. Posteriormente, a Constitución foi ratificada pola maioría do pobo español en referendo (consulta dirixida aos cidadáns para expresaren a súa opinión sobre algún tema importante). Isto sucedía o día 6 de decembro de 1978.

A Constitución española contén, nun texto dividido en dez títulos, 169 artigos e unhas disposicións derradeiras, as normas básicas de funcionamento do Estado democrático. Deseguido saliéntanse os trazos máis significativos do texto constitucional.

§  A soberanía (máximo poder político do Estado) reside no pobo español (artigo 1º). Como soberano, o pobo participa na política elixindo os seus representantes (persoas que actúan en nome do pobo) e expresando a súa vontade a través de referendos. Todas as persoas maiores de idade (máis de 18 anos) participan por medio dun sufraxio universal (non se lle impide a ninguén o dereito a votar).

§  A forma de goberno é a monarquía parlamentaria (artigo 1º). Isto quere dicir que o xefe de Estado é un rei, pero este rei ten limitada a súa autoridade polas Cortes Xerais ou Parlamento, representante directo do pobo español. Nunha frase resúmese todo o anterior: “o rei reina, pero non goberna”.

§  Existe unha separación de poderes (títulos II, III, IV, V e VI), polo que as tarefas de estado non poden residir na mesma persoa, como sucedía na monarquía absoluta do Antigo Réxime, nin nunha única institución. Así, do poder executivo (coa función de regulamentar e executar as leis) encárgase o goberno, formado por un presidente nomeado polas Cortes Xerais (normalmente o presidente é o candidato do partido que conta con máis representantes nas Cortes) e uns ministros designados polo presidente; do poder lexislativo (función de elaborar as leis) encárganse as Cortes Xerais ou Parlamento, con dúas cámaras: o Congreso dos Deputados e o Senado, elixidas directamente polos cidadáns por sufraxio universal; do poder xudicial (función de castigar o incumprimento das leis) fanse cargo os xuíces e os tribunais de xustiza, que actúan como poder totalmente independente dos outros dous.

§  Hai pluralismo político (artigo 6º) e, xa que logo, todas as ideas e opinións teñen cabida e deben respectarse. Este principio político básico na democracia maniféstase na existencia de partidos políticos diversos que permiten aos cidadáns participaren a través deles na política.

§  Recoñécense e protéxense os dereitos básicos das persoas (artigos 10º a 55º): vida, liberdade, xustiza, etc. É especialmente importante o recoñecemento da igualdade ante a lei (artigo 14º), polo que non se permite discriminación por motivo ningún.

§  Recoñécese o dereito á autonomía para as nacionalidades e as rexións que forman parte do Estado (artigo 2º e título VIII), o que quere dicir que o Estado español adopta un modelo de organización territorial descentralizado. O goberno central concédelles aos gobernos autonómicos determinadas competencias, é dicir, o dereito de se autogobernaren, en asuntos como a cultura, a sanidade, a educación e outros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario